Usted está aquí

Desde Pontedeume a Rosalia no seu cabodano

JoseFS

Hai hoxe cento trinta anos que morreu en Padrón Rosalía de Castro que, cos seus Cantares gallegos, fixo renacer a nosa poesía en 1863, logo de cinco séculos escuros de silencio.

Hoxe descansa por sempre, con xustiza, nun lugar de honra, orgullo dos que amamos a nosa lingua, no Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa conventual de San Domingos de Bonaval de Santiago de Compostela, capital de Galicia.

O bardo eumés, Ramiro Fonte, recoñeceu a transcendencia destes Cantares gallegos de Rosalía de Castro nun fermoso poema publicado no Xardín do pasatempo, un libro delicioso dedicado aos nenos que engaiola igualmente, ou talvez máis, aos que xa non o somos, nunha colección da editorial Tambre coordinada por Nacho Chao, tamén paisano noso.

Outro fillo de Pontedeume, Jacobo Muñiz, embeleceu aínda máis o poema con esta marabillosa ilustración.

Ano de 1863

 

¡Bó século o dezanove

para amores desgraciados,

que á Liberdade xa move

ós pobos escravizados!

 

Un século positivo

que sostén a súa tese,

e que a rebate coa antítese,

menos humilde ca altivo.

 

E un modesto taller

impresor desta cidade

viron a luz as saudades

da alma dunha muller.

 

E naceu a poesía

galega con Rosalía.

Xa Manuel Curros Enríquez escribira naquel 1885, co gallo do seu pasamento, un moi sentido poema a xeito de homenaxe.

A Rosalía

 

Do mar pola orela

mireina pasar,

na frente unha estrela,

no bico un cantar.

 

E vina tan sola

na noite sin fin,

¡que inda recei pola probe da tola

eu, que non teño quen rece por min!

A Musa dos pobos

que vin pasar eu,

comesta dos lobos,

comesta morreu...

 

Os ósos son dela

que vades gardar.

¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!

¡Ai, dos que levan no bico un cantar!

Así e todo, ao meu ver, o máis fermoso pranto pola morte de Rosalía foi o soneto que Ramón Cabanillas pariu cando morreu a súa nai e publicou en 1917 en Da Terra asoballada.

A Rosalía de Castro

 

Dúas nais me bican e me dan arrolo.

Unha, a do tempo neno, a pomba aquela

que me acochou, mimosa, no seu colo

co xeito homilde da virtú sinxela.

 

Afundido no dor, frebente, tolo,

chamaba a morte a berros ó perdela,

cando ó ler os teus libros ¡ou consolo!

Surdiche Ti: ¡contigo tornou Ela!

 

Dende entón, si ferido dos penares

que ensangrentan a vida con que loito

pouso a ialma nas Follas i os Cantares.

 

¡Rosalía! ¡ña Nai! ¡miña santiña…!

¡méntrala Rula milagreira escoito,

Sinto unha doce man que me acariña!

Pontedeume tamén quixo venerar á nai da nosa poesía e na entrada do paseo marítimo púxolle o nome de Rosalía de Castro a unha praciña, na que no ano 1985, no que se conmemoraba o centenario do seu pasamento, se erixiu un monólito na súa honra e lembranza. Pretiño da ponte, escoita a nosa máis grande poetisa hoxe os versos que lle canta baixiño o bardo eumés:

Baixo os arcos desta ponte,

pasan as augas da vida

durmidas.

 

Pasan as augas do tempo

levando os ollos dun neno

cara ás outras augas frías.

Ramiro Fonte: "Ponte", en Luz do mediodía, A Coruña, 1995, p. 63..

Añadir nuevo comentario