Usted está aquí

A defensa da muller e a lingua galegas no limiar de Follas Novas. Ilustracións dos eumeses Abelardo Miguel e Jacobo Muñiz.

JoseFS

“Galicia era nos Cantares o obxecto, a alma enteira, mentras que neste meu libro de hoxe, ás veces, tan soio a ocasión, anque sempre o fondo do cuadro [...]. E ¡sófrese tanto nesta querida terra gallega! Libros enteiros poideran escribirse falando do eterno infortunio que afrixe os nosos aldeáns e mariñeiros, soia e verdadeira xente do traballo no noso país. Vin as súas penas como si fosen miñas, mais o que me conmoveu sempre, e polo tanto non podía deixar de ter un eco na miña poesía, foron as imnumerables coitas das nosas mulleres: criaturas amantes para os seus i os estraños, cheas de sentimento, tan esforzadas de corpo como brandas de corazón e tamén tan desdichadas que se dixeran nadas solasmente para rexer cantas fatigas poidan afrixir, a parte máis froxa e inxel da humanidade. No campo compartindo mitade por mitade cos seus homes as rudas faenas, na casa soportando valerosamente as ansias da maternidade, os traballos domésticos e as arideces da pobreza. Soias o máis do tempo, tendo que traballar de sol a sol e sin axuda pra mal manterse, para manter os seus fillos, e quisais o pai valetudinario, parecen condenadas a non atoparen nunca repouso se non na tomba [...].

Creerán algúns que porque, como digo, tentei falar das cousas que se poden chamar homildes, é por que me esprico na nosa lengoa. Non é por eso. As multitudes dos nosos campos tardarán en ler estos versos, escritos a causa deles, pero só en certo modo pra eles. O que quixen foi falar unha vez máis das cousas da nosa terra, na nosa lengoa, e pagar en certo modo o cariño que os Cantares Gallegos despertaron en algúns entusiastas [...]. Desde ese momento quedaba obrigada a que non fose o primeiro e o último. Non era cousa de chamar as xentes á guerra e desertar da bandeira que eu mesma había levantado.

Alá van, pois, as Follas Novas, que mellor se dirían vellas [...], en busca, non de triunfos, senón de perdós, non de alabanzas, senón de olvidos, non das predilecciós doutros tempos, senón da beninidade que di dos maos libros: Deixalos pasar. Hei o que eu desexo. Que o deixen pasar, como un romor máis, como un perfume agreste que nos trai consigo algo daquela poesía, que nacendo nas vastas soidades, nas campías sempre verdes da nosa terra e nas praias sempre hermosas dos nosos mares, vén direitamente a buscar o natural agarimo nos corazós que sufren e aman esta querida terra de Galicia” (Rosalía de Castro, “Dúas palabras da autora” prólogo de Follas Novas, Madrid-La Habana, 1880, citado pola edición de Xerais e La Voz de Galicia, A Coruña, 1990, p. 32-35).

Añadir nuevo comentario