Usted está aquí

A cucaña eumesa

JoseFS

A cucaña marítima é unha antiga tradición da vila mariñá de Pontedeume que xa se celebraba en 1881 o oito de setembro, como pode verse no programa das festas daquel ano, e consiste en subir, os rapaces e os que non o son tanto, e agora tamén as rapazas, por un pau cheo de sebo chantado nunha embarcación para coller a bandeira, antes de España, agora de Galicia e algunha vez a de Pontedeume, que se atopa cravada na súa punta. Nun dos barcos pesqueiros fondeado nun lugar pretiño da ponte onde hai bastante calado, nos meus tempos nenos utilizábase a chupona, colócanse os participantes e, na súa popa, sitúase o pau que mide uns catro ou cinco metros. A ponte e a ribeira están ateigadas de xente e moitos barcos cheos tamén de eumeses e algún forasteiro rodean a embarcación que ten o pau (A terceira foto é de Carmen Rodríguez Pena).

Hai que coller tres veces a bandeira e, cando un dos participantes, despois de moitas caídas espectaculares ao mar dos antecesores e algunha que outra costelada, o logra, os organizadores botan unha bomba e os gaiteiros tocan unha muiñeira. Os mómaros, desde a primeira rampla, presiden a cerimonia. A xente berra "Sebo ao pau" ou "Sebo al palo", segundo quen o pida, e os organizadores teñen que obedecer (foto de Carmen Rodríguez Pena).

Case todos os anos leva un dos tres premios da cucaña Pablo Delgado, o meu querido antigo alumno en Lingua e Historia, que non na arte de coller a bandeira subindo polo pau cheo de sebo na que el é o auténtico mestre, que segue os pasos de grandes cucañeiros e amigos que viviron ou naceron na Ricardo Sánchez, como Chuspi Veiga, Paco o Chona, Zalo Villar, seu fillo Carlos, que o ano pasado colleu a terceira, ou o seu inesquecible sobriño Fran, moi querido por min e por tantos eumeses que o lembramos sempre e especialmente nesta festa na que era decote protagonista. O ano pasado colleu a primeira bandeira galega Alex López, o meu veciño cando vou a Pontedeume, por cuxas veas corre sangue de cucañeiros.

Sempre lembrarei a celebración do eumés Juan Domínguez, orgulloso membro desta familia de grandes cucañeiros, do seu gol en Riazor contra o Alcorcón facendo equilibrios sobre a liña de fondo ata o córner, coma se estivese subindo polo pau cheo de sebo da nosa cucaña para coller a bandeira https://www.youtube.com/watch?v=ODQudaH7JJE&feature=player_embedded

Cando se colle a terceira bandeira, despois de botar a bomba que o anuncia e de soar a muiñeira preceptiva, estoupa unha gran traca e realízase a queima do galán, que é un moneco que vai montado nun caiuco e voga a remos pares con todas as súas forzas para que a embarcación dea voltas e todo remata cando lle rebenta a cabeza que salta polos aires e cae ao chan (Foto de Lola Fornos Ríos-Garabana).

Unha vez que todo finaliza, os mómaros volven bailando cara á praza Real, que cómpre tomar o último viño antes de ir xantar.

(Foto de Carmen Rodríguez Pena).

Añadir nuevo comentario