Usted está aquí

Cruceiro das Angustias de Pontedeume

JoseFS

Na encrucillada da praciña das Angustias, en pleno Camiño Inglés a Compostela ao seu paso pola vila de Pontedeume, está chantado desde 1950, consonte as rigorosas pescudas realizadas por Burgoa Fernández ("Cruceiros e cruces de Pontedeume. Apuntamentos históricos, artísticos e etnográficos", Cátedra, V, Pontedeume, 1998, p. 48) e De Castro Álvarez (Calles, Plazas y Jardines de Pontedeume, Pontedeume, 2007, p. 200), o cruceiro das Angustias, que aloxa no seu reverso, na cruz que non no fuste, a imaxe sedente e en maxestade do apóstolo Santiago, debaixo da Piedade; no anverso está representado Cristo morto e crucificado. Como ben di Castelao, “a cruz é a parte principal dos cruceiros. Non somentes é o máis prezado obxecto da nosa veneración; é tamén a fror e o froito, en pedra, da nosa arte popular. No anverso represéntase o supricio de Xesús; no reverso represéntase a door de María” (Castelao: As cruces de pedra na Galiza, primeira edición 1950, citado pola de Vigo, 1984, p. 146). Esta cruz de pedra eumesa responde, xa que logo, á tipoloxía da meirande parte dos cruceiros galegos.

Segundo Castelao, a figura de Cristo na cruz esculpida en pedra aparece por primeira vez nas cruces celto-británicas do século VII; nos últimos anos desta centuria ocupa o reverso das cruces procesionais ―que tiñan, por suposto, a Cristo no anverso― a figura da Virxe María, representada coa súa dor e angustia. Como di Castelao, “nos primitivos cruceiros de Galiza, todos eles de tipo gótico, percíbense as cruces procesionais trasladadas do metal â pedra” (Idem, p. 149); mais, tamén asegura o noso patriarca que, “o cruceiro galego chegou a ser tal no século XVII, xa entrado na estética enxebre do noso país, cando se desprendeu dos bultos decorativos da cruz e aparesceu a Virxe das Angustias na cara envesa do crucifixo, é decir, cando se estabrece un equilibrio antre a door do Fillo e a door da Nai” (Ibidem), como se pode ver neste de Lamas de Abade en Santiago de Compostela, no que a Piedade viste de peregrina xacobea.

Así pois, o lado anverso ou cara principal do cruceiro das Angustias de Pontedeume presenta sobre a cruz a imaxe de Cristo morto e redentor do xénero humano a través do seu sacrificio, orientada cara á igrexa parroquial e moi ben labrada pola man de Daniel Pazos. Xesús aparece co rostro barbado lixeiramente inclinado á dereita, como se xa lle tivese entregado o espírito ao Pai. Nas primeiras representacións occidentais do Crucificado, Xesús estaba aínda vivo, coa cabeza erguida, ás veces mesmo mirando cara ao Ceo, pero é a partir do século XIII cando se xeneraliza a figura de Cristo morto nas cruces de pedra; como afirma Castelao, “así se vé na inmensa maioría dos nosos crucifixos, dacordo coa narración evanxélica, e nunca endexamáis se vé coa cabeza deitada cara o lado esquerdo” (Idem, p. 152). Os cabelos do Salvador, que case lle chegan aos ombreiros, aparecen retirados da cara e suxeitos pola coroa de espiño, que simboliza a imaxe dun rei sacrificado porque o seu Reino non é deste mundo. Os seus brazos, espetados na cruz por medio dos cravos, preséntanse estendidos e deixan ver a súa musculatura, e os dedos das mans están lixeiramente apertados, case en forma de puño. O corpo de Cristo só está cuberto por un pequeno pano de pureza anoado á dereita e a súa delgadeza deixa asomar, incipientes, os ósos das costelas, aínda que non se percibe se ten xa a ferida da lanza coa que Lonxinos traspasara o seu costado dereito. As pernas únense á altura dos xeonllos e só se cruzan nos pés, o dereito sobre o esquerdo, suxeitos á cruz por un único cravo. Afirma Castelao que, durante a Alta Idade Media, “sempre aparescía o Redentor encravado na cruz con catro cravos, conforme o testemoio de San Ciprián, que viveu no tempo en que aínda se praiticaba o sacrificio da crucifixión; pero a partir do século XIII xa se representou ao Redentor cos dous pés encravados xuntos e cun soio cravo, cicáis para conseguir un efeito de maior tortura […]. Agora ben, nos cruceiros galegos e bretóns endexamáis se vé o crucifixo con catro cravos, senón con tres, ao xeito renacentista, coa particularidade de que sempre, sempre, o pé dereito sobremonta o esquerdo” (Idem, p. 151).

Ao pé da cruz, tamén no anverso deste cruceiro das Angustias, disponse, no lado esquerdo, a figura de Xoán, que foi o único apóstolo de Xesús, segundo relatan as Sagradas Escrituras, que acompañou á Virxe María no momento máis doloroso da súa vida; o seu rostro imberbe, propio da súa xuventude, reflicte tamén a dor que sentiu ao ver morrer o seu Mestre na cruz; viste unha longa capa con pregos, que lle chega aos pés, suxeita coa man esquerda, e que deixa ver o seu brazo zurdo. No lado dereito está Pedro que, malia ter negado tres veces a Xesús, como o propio Mestre lle anunciara, foi nomeado por Cristo como cabeza da súa Igrexa; Pedro está representado cos seus atributos habituais, xa que porta na man esquerda a chave, que representa o poder de decisión da Igrexa na Terra e mais no Ceo, e na dereita, o Libro dos Apóstolos, símbolo da súa evanxelización. A habelencia co cicel de Daniel Pazos é moi evidente na labra destas dúas figuras, aínda que as mans presentan unha lixeira desproporción.

A presenza destes dous seguidores de Xesús, no anverso do cruceiro, xunto a Santiago, o seu compañeiro no Colexio Apostólico, que aparece no reverso, destaca unha vez máis o feito de que eran os discípulos predilectos do Mestre. Só eles o acompañaron cando resucitou á filla de Xairo, tamén foron os escollidos para contemplar a Transfiguración do Señor no monte Tabor, e mesmo cando se retirou a orar no monte das Oliveiras en Xetsemaní, antes que ser entregado á súa Paixón, Morte e Resurrección, só levou consigo a eles os tres. Por outra banda, o capítulo II do Libro I do Códice Calixtino afirma que “así como por riba dos doce fillos de Israel puxo a tres patriarcas, isto é, Abrahán, Isaac e Xacob, así dos doce apóstolos elixiu tres baróns e mestres con preferencia aos demais, a saber, Pedro, Santiago e Xoán” (Lopez Díaz (trad.): O Códice Calixtino. Codex Calixtinus en galego, Santiago de Compostela, 2009, p. 72). Ademais, tamén foron representados xuntos Santiago, Xoán e Pedro, a carón de Pablo, no Pórtico da Gloria.

A imaxe da Virxe das Angustias, co seu Fillo no regazo, ocupa a parte superior do reverso da cruz. Asegura Castelao que “endexamais vin no reverso da cruz outra imaxe de santo que a da Virxe, nalgunha das súas advocacións; as máis das veces é Nosa Señora das Angustias con Xesucristo morto no colo […]. A Nosa Señora das Angustias ten na Bretaña a mesma popularidade que ten na Galiza, aínda que as características iconográficas desemellen bastante. Aparece nos cruceiros bretóns pousada no capitel ou enriba do canzorro; contadas veces figura enclavada no centro da cruz tal como está nos cruceiros galegos […]. A Piedade bretona é dun arte cicais máis requintado que o noso, pero menos espontáneo e variado” (Castelao: As cruces de pedra na Bretaña, primeira edición 1930, citada pola de Vigo, 1992, p. 32). No cruceiro de Pontedeume, a figura da Virxe das Angustias ten un tamaño algo maior có seu Fillo, como acontece na meirande parte das desta tipoloxía que se poden atopar en Galicia, o que é xustificado por Castelao con razóns de carácter estrutural e sentimental. “Se a Piedade estivese pousada […], a súa silueta tería â forma triangular i entón a figura de Xesucristo aumentaría a forteza da base; pero a Piedade dos cruceiros está dependurada, e os nosos artistas de pedra escolleron a forma romboidal para distribuiren mellor os pesos. En canto ao caráiter ideolóxico […], os nosos canteiros, deixándose levar pol-o sentimento, non podían maxinar un home no colo da nai. Para os artistas canteiros, Xesucristo sempre é pequeno, sempre é o Neno, porque é o Fillo, e os fillos somos sempre pequenos no colo das nosas nais” (Castelao: As cruces de pedra na Galiza, op. cit., p. 164).

A tipoloxía da escena da Nai de Cristo co seu Fillo morto no regazo é moi variada nos cruceiros galegos. No de Pontedeume, a Virxe sostén o tronco de Xesús, envolto nun sudario, co seu brazo dereito e inclina, chea de dor, a cabeza cara a ese lado para contemplar o rostro exánime do seu Fillo, que mantén inerte a súa cabeza e os ollos pechados mentres que María o acariña coa man. O brazo dereito do Salvador, demasiado grande en proporción co resto do corpo, está caído e sen vida. Co esquerdo, a Nai agarra as pernas encollidas de Cristo, como cando o acochou no seu colo no humilde portal de Belén onde nacera. A muller que lle dera a vida ao Fillo de Deus acolle o corpo indefenso de Xesús no momento final da Paixón que lle tocou sufrir para poder resucitar como Redentor de todos os homes; así aparece a Virxe no primeiro intre da vida de Cristo e mais na hora da súa morte.

No Pórtico da Gloria, meta da peregrinación, está a imaxe do Salvador, que mostra as feridas das mans, dos pés e do costado, e debaixo do Redentor, Santiago, que, despois do seu martirio pola espada por mandato de Herodes Agripa, foi merecente de sentar no trono da Gloria, como a figura que o representa no parteluz.

Así tamén, sedente e en maxestade, triunfante sobre a morte, aparece no cruceiro de Pontedeume coa filacteria na man dereita, na que foron copiadas as Escrituras, que mostran o modelo de vida que teñen que seguir os cristiáns, e o bordón en forma de tau, que simboliza, así mesmo, a cruz salvadora, na esquerda. O rostro de Santiago ten barba, como en todas as representacións que del coñecemos, pero non está coroado de Gloria nin nimbado, como en moitas das imaxes en maxestade das que sabemos. A imaxe de Santiago, sentado no trono da gloria, parece facer de atlante da Virxe das Angustias que acolle o seu Fillo e Redentor do mundo no regazo. O corpo do Apóstolo está labrado con moito menos detalle que o seu rostro. Porta sobre os ombreiros unha especie de capa ou esclavina. Na súa man dereita, na que apenas se distinguen os dedos, sostén o filacterio enrolado, que leva escrita a mensaxe evanxélica que ten que transmitir, e apoia a súa esquerda, tamén pouco traballada polo cicel do canteiro pontevedrés Daniel Pazos e desgastada polas inclemencias do tempo, no bordón en forma de tau que descansa sobre a cabeza dun anxo que lle fai de atlante. Así e todo, o canteiro puxo maior esmero ao esculpir o rostro de Santiago, que mostra unha media melena que non lle chega aos ombreiros, unha barba moi ben coidada e recortada, o nariz lixeiramente afiado, os beizos carnosos e a mirada serena e apracible, porque goza xa da gloria eterna por mor do seu martirio pola espada. As figuras da Piedade con Cristo morto, que aparecen no reverso, e de Xesús encravado, san Pedro e san Xoán, que se atopan no anverso, así como as cabezas dos anxos alados e o escudo de Pontedeume que se gravou no fuste dan fe tamén da boa man e a habelencia co cicel do canteiro Daniel Pazos.

Así tamén, sen coroa nin auréola, foron labradas a figura pétrea que preside o retablo maior da igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume e a de madeira das Virtudes.

Non é moi habitual a presenza da imaxe de Santiago na cruz dos cruceiros galegos, que si adoita aparecer nos fustes ou varais. Como asegura Castelao, “o varal dos cruceiros galegos non é tan simpre como o dos calvarios bretóns, pois néstes é rarísimo ver santiños esculpidos, antramentras que nos de Galiza vense a decotío” (Idem, p. 137), coma neste de Centroña no que se dispón o Apóstolo sedente e en maxestade.

Así e todo, o cruceiro do Home Santo, chantado na praza Oito de Marzo, preto de San Domingos de Bonaval e da Porta do Camiño, en Santiago de Compostela, pola que entraban no recinto amurallado os peregrinos procedentes do Camiño Francés, acolle no anverso da cruz a imaxe de Santiago co bordón e os atributos de peregrino, acompañado polos seus discípulos Teodoro e Atanasio. Ademais, tampouco é frecuente que se dispoña no reverso do monumento, como no das Angustias, senón que, decote, se aloxa no anverso.

O capitel do anverso, igual có do reverso, está decorado por tres follas de acanto a cada lado da cabeza dun anxo, que semellan tamén as súas ás.

Pola súa parte, o fuste, no anverso, ten gravado en relevo o escudo de Pontedeume, sen coroa real, que acolle o Torreón dos Andrade, sostido polas cabezas do oso e mais do xabaril, símbolos da Casa dos Andrade, que se dispoñen sobre unha ponte de tres arcos onde van morrer á ría de Ares as augas do Eume; a ponte, que acolleu antano un hospital de peregrinos a Santiago, e mais o río forman o nome de Pontedeume; nos outros tres lados o fuste é liso.

Debido á inclinación da rúa de San Agustín, o cruceiro está chantado sobre catro chanzos no lado anverso e cinco no reverso.

 

Añadir nuevo comentario