Usted está aquí
Corenta anos do himno do colexio Couceiro Freijomil. Letra de Xoán Xosé Fernández Abella e música de María Lamas Vázquez, dous dos meus mestres daqueles tempos
No curso 1974-1975, foi inaugurado o colexio, daquela chamado nacional, Couceiro Freijomil, ao que eu tiven a sorte de acudir como estudante de quinto, deixando así a vella escola do Pescador, e que acollía nun mesmo centro aos parvuliños e aos alumnos dos oito cursos do que entón era denominado EXB (Educación Xeral Básica), que estaban espallados por todas as parroquias de Pontedeume en diversos edificios.
Un dos novos profesores, que chegou, creo que un par de anos despois, o poeta Xoán Xosé Fernández Abella, presentou no colexio en 1976 o seu primeiro libro titulado Poemas galegos. Inquietudes, hallazgos y otros poemas, catorce deles escritos na nosa lingua nai, que daquela estaba case por completo ausente do recentemente estreado centro educativo. O noso mestre dicía na clase cousas tan inauditas para nós nas aulas como que "a min a lingua galega / naide ma pode tirar. / Aínda que mudo ficase, / falaríaa co pensar". El foi o que lle puxo letra ao himno do colexio, na que nos transmitía a fermosa lección de que tiñamos que ser compañeiros sempre e camiñar por vieiros de nobreza e bondade; tamén nos animaba a escoitar as verbas santas do amor e da xustiza, e a levar nos nosos corazóns a arela de que o amor fose o latexar da nosa vida (Debuxo de Vicente Eiré).
A música foi cousa doutra magnífica profesora, tamén mestra miña, María Lamas Vázquez, unha eumesa de toda a vida que, ademais de impartir as súas clases, se encargaba de dirixir o coro do colexio, que cantou o himno en público por primeira vez en 1977. Tivo a xentileza de mandarme a partitura que para min é unha verdadeira xoia que quero compartir con vós.
Leución a máis fermosa
é ista: compañeiros
ser sempre, por vieiros
de nobreza e bondá.
Couceiro Freixomil,
cando te abandoemos,
xamais esquenceremos
os lazos da amistá.
Ouvir as verbas santas
do amor e da xusticia,
que son forza e ledicia
do corazón humán.
Couceiro Freixomil,
cando te abandoemos,
xamais esquenceremos
os lazos da amistá.
Nos nosos levaremos
ista arela alcendida:
sexa da nosa vida
o amor seu latexar.
Couceiro Freixomil,
cando te abandoemos,
xamais esquenceremos
os lazos da amistá,
xamais esquenceremos
os lazos da amistá.
Añadir nuevo comentario