Usted está aquí

Chove en Pontedeume no poema de Ramiro Fonte

JoseFS

¡Que fermosas están as pedras molladas das rúas do vello recinto amurallado de Pontedeume!, como se ve nesta foto de Aurora Lapique.

Eu, como Ramiro Fonte, se pecho os ollos, tamén podo lembrar aqueles amoucados e melancólicos días de teimuda choiva da miña infancia na vila, tan abondosos, apelicados contra o cristal da ventá da casa das Virtudes ou desesperados nos soportais da rúa Real e de Pepe Vinos, agardando que delampase para poder xogar cos amigos.

Cantar que chove

Se fecho os ollos, oio
chover en Pontedeume.

Se conto os pasos, lenta-
mente percorro aquelas rúas,
as sombras abrigosas que me agardan.

[Foto de Aurora Lapique]

E está chovendo, chove
sobre o mundo,

[Debuxo de Jacobo Muñiz]

sobre o xardín mollado da tristeza,

como chove mansiño na lembranza,

e ese triscar da choiva nos tellados,
e nas laxes das rúas,
é o ruído que quero na mañá.

Se abro os ollos, xa sei
que delampou.

Ramiro Fonte: "Cantar que chove", en Luz do mediodía, A Coruña, 1995, p. 65.

Añadir nuevo comentario