Usted está aquí

A chegada do outono a Pontedeume segundo Ramiro Fonte

JoseFS

Seica a nova estación do outono entra aló polo vinte e un de setembro. Así e todo, en Pontedeume isto acontece moito antes; albíscase a súa chegada nos solpores dos últimos días de agosto, como pode verse na marabillosa foto de Lola Fornos Ríos-Garabana, e xa o consideramos como un máis de nós cando rematan as Festas das Peras. A romaría de San Miguel poralle a guinda, que leva o saboroso licor que alí bebemos, a un verán que xa pasou e case non lembrabamos.

Como atinadamente, ben que algo retranqueiro, e co pouso que sempre deixa na alma a saudade dicía Ramiro Fonte, “nas Mariñas dos Condes o outono chega sen anunciarse a últimos de agosto. Os calendarios aseguran que son días de verán, pero non é certo. Se temos a sorte de que se apiaden de nós as borrascas atlánticas, o sol sae triunfante polos montes do Castelo, e as Festas de Setembro supoñen a ilusoria culminación do verán. Despois da xira ó río Eume preséntase o outono. Dun día para outro cambia a luz, o ruído das rúas, o ánimo da xente, o ton das conversas. A vila intérnase, soñadora e melancólica, nun longo inverno. Eu xa non estaría alí”.

Ramiro Fonte: Os meus ollos, Vigo, 2003, p. 11 e 12.

 

Añadir nuevo comentario