Usted está aquí

A capela das Virtudes e unha pregaria de Murguía á nosa patroa

JoseFS

A inscrición gravada xunto á imaxe pétrea en baixo relevo da Virxe coroada e sedente no trono celeste co Neno no colo, que hoxe acolle a parede norte da actual capela das Virtudes, reedificada co patrocinio de Andrés Copeiro e Parga no século XVII, foi transcrita por Antonio de la Iglesia: ESTA IREGA MANDOU FAZER NUNO FREIRE / DANDRADE A ONRA DE SANTA M. [MARÍA] / ERA DE MILL E CCCC E X [CATRO CENTOS E DEZA] SEIS ANOS (Antonio de la Iglesia: El idioma gallego, su antigüedad y vida, t. II, A Coruña, 1886, p. 71).

Polo menos desde o século XVI, a Virxe das Virtudes, tamén chamada Nosa Señora das Peras ou do Souto, tiña xa sona de milagreira e o seu santuario era visitado o día da súa festa, o oito de setembro, por numerosos romeiros, que mesmo chegaron a pasar a noite na capela, coa autorización dos frades agostiños a cuxo cargo estaba. Así e todo, o xuíz eclesiástico mandou impedir esta práctica en 1585, para evitar a tentación pecaminosa que podía supoñer o feito de que homes e mulleres durmisen xuntos no templo e, ademais, consonte as directrices marcadas polo Concilio de Trento, prohibiu que se divulgasen os milagres obrados pola Virxe. 

O oito de setembro de 1915, hai xa máis de cen anos, o prestixioso intelectual galeguista e daquela presidente da Real Academia Galega, Manuel Murguía, xa viúvo de Rosalía de Castro, publicaba en castelán unha fermosa pregaria á Nosa Señora das Virtudes no número 291 do xornal Ecos do Eume, que, para os que nos gusta rezarlle en galego á Virxe que os eumeses veneramos como patroa e protectora, eu tradicín á nosa lingua:

“Virxe das Virtudes, Ti, ante quen tantas almas aflixidas se prostraron pedíndoche auxilio nas amargas horas da súa vida, ten piedade, Señora, dos que nos momentos da súa dor che pregan acollas piadosísima os feridos polo infortunio, polo desamparo dos seus irmáns, polas penas que amargan os días da soidade que sobre eles pesan, polos que procuran no mel dos teus labios as palabras de perdón que precisan para poder aturar as ocultas penas que os agonían, polos pobres de espírito aos que todo fire e nada consola, por aqueles que viven no frío afastamento do mundo e, sobre todo, polo que, atormentado polo peso das súas culpas e a necesidade do celestial perdón, a Ti se dirixe contrito e pide, coas angustiosas ansias do pecador, que o leves collido da man onda o trono do Señor que todo o coñece e perdoa”.

Añadir nuevo comentario