Usted está aquí

A cancion do rio de Ramiro Fonte

JoseFS

Lembranza e homenaxe a Ramiro Fonte, ao que, hai hoxe sete anos, o doce de outubro de 2008, acompañamos os eumeses, ao son do Paso, á súa derradeira morada, onde xa pode escoitar sempre a doce voz do río Eume, que lle canta baixiño, como un arrolo, na súa desembocadura.

 

A canción do río

 

Quen ollou sendo un neno

para as augas que flúen

baixo os arcos da ponte,

e envolveu, temeroso, o seu desexo

no murmurio do río, ó esvarar entre as penas

entrementres duraba a baixamar,

o ruxerruxe aquel que eternizaba o tempo,

sabe como cantan

as pontes que atravesan as cidades do mundo,

detense a contemplalas, non escolle

ningunha das ribeiras,

e como se soubese tódalas estrofas

desa canción do río,

ponse a cantala, pero só un instante,

pois non se chega nunca a comprender

a súa duración, e o mesmo feito

do fluír incesante,

fainos pensar na morte.

Pasa en tódolos ríos farturentos

―esas veas de Europa―

que gobernan a vida das cidades

que por aquel entón nós buscabamos,

e eran puntos perdidos no mapa azul dos libros.

Nelas hai un lugar,

ás veces unha illa,

que estaba destinada para nós.

Cunha pouca fortuna podemos atopala,

e, coma as caracolas que segredan

a música do mar

ata que lles prestamos oído,

e entón desfán as ondas lentamente,

ese mesmo silencio leva escrito

o familiar murmurio que rompía

nas cepas, e nos arcos, e nos ollos da ponte,

así no noso temeroso corazón,

porque entón era amigo das cousas que choraban.

 

Ramiro Fonte: Capitán Inverno, Vigo, 1999, p. 119 e 120.

Añadir nuevo comentario