Usted está aquí

A Baralla de Compostela e a Historia de Pontedeume

JoseFS

Hoxe, ás sete da tarde, na Quintana, na Semana do Libro de Compostela, Xavier Lorenzo Tomé asinará exemplares da súa novela Baralla de Compostela, publicada en xuño de 2017 por Edicións Positivas, que dirixe o meu amigo e veciño Francisco Macías.

Unha das figuras do antigo coro pétreo da catedral de Santiago, que agora escoltan, en número de vinte e catro, a Porta Santa na Quintana, narra, non sen certa retranca, a historia de catro mouriscos, os vellos médicos Ibraim e Yusuf, e os seus pupilos Tareq e Abdel, que chegaron a Compostela en 1383 no séquito do rei efémero León V de Armenia (1374-1375) ao que Xoán I de Castela (1379-1390) acollera nestas terras como exiliado despois de mediar pola súa liberación logo de case unha década de cativerio. O monarca armenio marchou máis tarde a Inglaterra e logo instalouse en Francia, pero os devanditos mouriscos que con el viñeran quedaron en Compostela onde exerceron na Algalia a súa profesión.

O pétreo e retranqueiro narrador conta que todo lles ía ben aos catro da Algalia, como el lles chama, desde que chegaran á cidade no Nadal de 1383. As súas consultas gozaban de moi boa fama e Ibrahim e Yusuf tiñan moita influencia política en Compostela, que mesmo lles serviu para promover por distintos motivos o uso dun novo artiluxio na catedral chamado botafumeiro, que, aínda que moito máis modesto có actual, voou por primeira vez, consonte se nos di na novela, na Domus Sancti Iacobi o día da Ascensión de 1384; Tareq e Abdel foron, con outros rapaces novos, os primeiros tiraboleiros. Así e todo, no verán de 1835, Ibrahím descubriu un día espidos nunha cama da súa casa a Tareq e a Abdel e, comesto polos celos, ameazou de morte ao seu pupilo Tareq, que, tratando de fuxir pola ventá, viu como a súa vida remataba. A traxedia pasou ás futuras xeracións compostelás contada nas cantigas de cego.

A historia que se conta en Baralla de Compostela ten unha estreita relación coa chamada Historia dos tres Xoáns, que se refire ás disputas entre Juan I de Castela (1379-1390), fillo e herdeiro do rei fratricida Henrique II de Castela (1369-1379), e casado con Beatriz, a lexítima herdeira do rei Fernando I de Portugal (1367-1383), polo que Xoán I de Castela (1379-1390) reclama, á morte deste, a coroa portuguesa e toma o título de rei desas terras, quedando como rexente a raíña Leonor ata que a súa filla Beatriz e esposa do rei de Castela cumprise a maioría de idade; João de Avis, fillo bastardo do rei Pedro I de Portugal (1357-1367) e medio irmán de Fernando I de Portugal (1367-1383), cando este morreu, tratou de impedir a rexencia da raíña Leonor e logrou que fuxise de Lisboa despois de matar ao seu amante o conde de Ourem, e foi proclamado polas cortes en Coimbra rei de Portugal co nome de Xoán I (1385-1433), casa con Filipa de Lancaster, curmá de Ricardo II de Inglaterra (1377-1399) para conseguir a alianza e o apoio dos ingleses na súa disputa con Castela; e Jonh de Gante, duque de Lancaster e fillo de Eduardo III de Inglaterra (1327-1377), que casou con Constanza, filla do asasinado Pedro I de Castela (1350-1369) e herdeira da coroa que fora usurpada polo rei fratricida Henrique II de Castela (1366-1379), reclamaba o trono de Castela para el e a súa esposa. O fin do conflito chegou coa sinatura do tratado de Baiona en 1388, polo que Henrique III de Castela (1390-1406), fillo de Xoán I de Castela (1379-1390), casa con Catarina de Lancaster, filla de Xoán de Gante e neta de Pedro I de Castela (1350-1369) e deste matrimonio nace Xoán II de Castela 1406-1454), bisneto de Pedro I o Cruel (1350-1369) e Henrique II o Fratricida (1369-1379). Ibrahim, despois da morte de Tareq, marcha co séquito de Xoán I de Castela (1379-1390), Abdel co de Xoán de Gante e Yusuf queda en Compostela, o que lle dá a ocasión ao narrador para relacionar a historia dos catro da Algalia coa Historia dos tres Xoáns (Nas imaxes Xoán I de Castela, Xoán I de Portugal na súa voda con Filipa de Lancaster e Xoán de Gante).

¿E qué relación pode ter todo isto con Pontedeume? Pois a Historia dos tres Xoáns comezou, consonte asegura o vello narrador de pedra que primeiro estivo no coro pétreo da catedral compostelá e hoxe se atopa na Porta Santa na Quintana, co fratricidio de Montiel, no que parece que Fernán Pérez de Andrade o Bo, primeiro señor de Pontedeume, algo tivo que ver. O primeiro en acusalo foi, en 1550, o licenciado Bartolomé Molina; nunha oitava en versos dodecasílabos introduce coma sempre os feitos: “La Casa de Andrade también os la digo / para que su hecho también se publique, / que un muy privado del rey don Enrique / en frente a don Pedro su hermano y abrigo, / en una batalla le fue tal amigo / que viéndole estar caído aquel quiso / darle tal ayuda, socorro y aviso / que dando la vuelta mató su enemigo”; a continuación, un parágrafo en prosa, que traducimos, explica, como acotío, máis polo miúdo, o que aconteceu: “Esta liñaxe dos Andrade é das honradas deste reino, e entre eles houbo aquel bo cabaleiro que chamaron Fernán Pérez de Andrade o Bo, que, sendo moi privado do rei don Henrique o Bastardo, nunha batalla e desafío que persoa por persoa tivo este rei don Henrique co rei don Pedro, o seu irmán, estando caído en terra o don Henrique e don Pedro encima del xa para o matar, atopouse alí este Fernán Pérez, o cal, dicindo: 'Eu non quito nin poño rei, mais axudo ao meu señor', colleu do brazo ao rei don Henrique, que, dando a volta sobre o seu inimigo e irmán o rei don Pedro, o matou. E por este tan bo feito deulle o rei don Henrique as vilas de Pontedeume e Ferrol e outras moitas terras deste Reino” (Tomado e traducido de Parrilla (ed.): Descripción del Reino de Galicia por el licenciado Molina, Santiago de Compostela, 1998, p. 144) (Miniatura do século XIV realizada polo cronista francés Jean Froissart para ilustrar as súas Chroniques).

Couceiro Freijomil, talvez algo cego de patriotismo eumés e de paixón polo primeiro señor da vila, perde un pouco a súa habitual obxectividade cando sostén que esta afirmación é “de todo gratuíta […]. Non se pode admiti-lo afirmado por Molina, porque, en primeiro termo, a fazaña de Montiel non cadra co carácter nobre e cabaleiroso que unanimemente se lle recoñece ao noso heroe, e mais porque, en segundo termo, mentres os cronistas contemporáneos nada consignan que poida lixa-la honra do de Andrade, pasan preto de douscentos anos ata que, por primeira vez, se lle considera autor da fazaña […]. Case tódolos historiadores españois, e mesmo os estranxeiros, están de acordo en indicar como autor da axuda dada a don Henrique, aínda que non o afirmen tallantemente, agás o señor Lafuente, ó aventureiro francés Beltrán du Guesclin” (Antonio Couceiro Freijomil: Historia de Pontedeume, primeira edición 1944, citado pola cuarta edición, Pontedeume, 1995, p. 121 e 122) (Pintura en táboa de Alfredo Erias).

Pola súa parte, Correa Arias, o mellor biógrafo de Fernán Pérez de Andrade, non tan partidario do noso primeiro señor coma Couceiro, asegura que “o rei don Pedro morre asasinado en Montiel na noite do vinte e dous ó vinte e tres de marzo de 1369 e, segundo as distintas versións, o que parece claro é que morre asasinado a traizón […]. Na súa morte, intervirán varias persoas axudando ó conde Henrique e algunhas das versións acusan ó de Andrade de ser un dos principais implicados […]. O de Andrade, efectivamente, tivo algo que ver coa morte de don Pedro e esta morte produciuse de forma aleivosa e sañuda, de forma nada cabaleiresca, xa que, incluso, se chega a afirmar que lle cortaron a cabeza e o seu corpo foi exposto para ser escarnecido […]. Non serían, por outra parte, normais as enormes concesións realizadas por Henrique II ó de Andrade se non houbese algo moi importante que as xustificase, xa que converte a un fidalgo que, uns meses despois do magnicidio, foi chamado escudeiro polo prior do mosteiro de Sobrado, quen afirma que ‘abian medo e gran pabor do dito fernan perez e de seus homes’, o que proba, a pesar da sona que deixou de cabaleiro bóo, que non era home de moitos escrúpulos e miramentos” (José Francisco Correa Arias: Fernán Pérez de Andrade, o Bóo. Mentalidade e realidade social, Editorial Toxosoutos, Noia (A Coruña), 2004, p. 114-118).

Por estes feitos, o dezanove de decembro de 1371, Pontedeume perde a condición de vila de reguengo, que Afonso X o Sabio (1252-1284) lle outorgara o trinta de decembro de 1270, e pasa a depender de Fernán Pérez de Andrade, alcumado o Bo, o seu primeiro señor, por mor doutro privilexio asinado en Burgos polo rei Henrique II (1369-1379), chamado o Fratricida, o das Mercedes ou o Bastardo, no que se dicía que "por conoçer a vos Fernand Peres de Andrade, qoanta lealtad en vos fallamos de fianza que en vos fezimos e por quanto afan ovistes e aueys tomado por nuestro serviço e por vos dar gallardon dello, e por bos fazer bien e merçed por muchos e buenos e leales e muy grandes serbiçios que nos fazedes e fezistes de cada dia, porque vos e los de vuestro linage valgades mas e seades mas honrrados e ayades con que nos podades mejor serbir, e finque en remembrança para otros que lo supeieren e oyeren, auiendo voluntad de vos heredar en los nuestros regnos, damosvos por juro de heredad para agora e para siempre jamas, para vos e para vuestros herederos e para los que de vos vinieren los lugares de la Puente d’Ume e Ferrol, que son en Galliçia […]. E de hoy dia que este privilegio es dado vos damos e apoderamos en la tenençia e posesión e propiedad e señorio de todas las cosas que dichas son e de cad una dellas que vos damos, como dicho es" [co propósito de recoñecervos a vós, Fernán Pérez de Andrade, toda a lealdade que en vós atopamos e a confianza que en vós puxemos e por canto afán tivestes e tomastes ao noso servizo e para recompensarvos por iso e por vos facer un agasallo polos moitos, importantes, leais e moi grandes servizos que nos facedes e fixestes acotío, para que vós e os da vosa liñaxe vallades máis e sexades máis honrados e atopedes con que vos podades servir mellor, e para que así conste para outros que o souberen e o escoitaren, co propósito de que vos poidan herdar nos nosos reinos, dámosvos por xuro de herdadanza para agora e por sempre xamais, para vós e os vosos herdeiros e para os que de vós viñeren os lugares de Pontedeume e Ferrol, que están en Galicia […]. E desde o día de hoxe que este privilexio vos foi dado dámosvos e apoderámosvos na tenencia e posesión e propiedade e señorio de todas as cousas que ditas son e de cadansúa que vos damos, como dito é" (Idem, p. 242 e 243) (Imaxes de Afonso X e Henrique II).

Por outra banda, a presenza dos catro da Algalia na nova Porta do Paraíso, que suxire o narrador da novela, tamén ten algo que ver con Pontedeume. En decembro de 1757, case tres séculos máis tarde daquela traxedia, consonte nos di Ramón Otero Túñez, o Cabido decide reformar esta fachada da Acibechería, "por ser obra precisa e necesaria" e o arcebispo Rajoy aprobou a proposta e ofreceuse "a venver os atrancos que poidan serville de embarazo [...] e facer efectiva esta obra tan necesaria" (Tomado e traducido de Ramón Otero Túñez: "Rajoy , constructor", en Cátedra, VIII, Pontedeume, 2001, p. 59 e 60). Este é o motivo polo que aparecen na fachada os escudos do noso prelado, que fai alusión entre outras cousas á ponte e ao río Eume, e do Cabido.

Foi o escultor compostelán Xosé Ferreiro, en opinión do narrador da novela, o que conseguiu que Ibrahim, Yusuf e os seus pupilos Tareq e Abdel se fixesen "visibles nesta contorna catedralicia, nunha sorte de serodia e inesperada resurrección" na nova Porta do Paraíso da fachada da Acibechería feita no arcebispado do noso paisano Bartolomé Rajoy, substituíndo á Fe, Esperanza e Caridade que fixera o seu sogro Gambino. Así pois, as figuras atlantes que sostiñan a imaxe de Santiago peregrino, que tiña aos seus pés a dous reis hispanos, foron representadas polos mestres Ibrahim e Yusuf, nos estremos, e dos seus fámulos Tareq e Abdel, no centro; estes dous cruzaban as súas miradas de namorados, remedando dalgunha maneira o diálogo que as imaxes do Pórtico da Gloria estableceran varios séculos antes da man do Mestre Mateo.

En palabras, recollidas na novela, do escultor madrileño Máximo Salazar, ao que o Cabido lle encomendara o remate da obra, ao seu compañeiro e axudante compostelán Xosé Ferreiro, o posible autor da idea de poñer aos catro da Algalia como atlantes, "Santiago apóstolo preside a fachada como evanxelizador destas terras e como vencedor fronte aos infieis que están aos seus pés (os catro mouriscos), instaura a Fe (a espléndida figura do teu sogro Gambino, que aí instalada gaña, sen dúbida) [...] en Cristo (o santo esposo do meu medallón) e polo que vela a Igrexa, a súa muller, representada no outro medallón". O retranqueiro narrador de pedra da Porta Santa suxire que entre as calzas dun dos mouriscos máis novos, que ocupan o centro da escena, hai "algo máis ca unha alegría ou voluptuosa sinuosidade"; así e todo, remata dicindo que talvez iso sexa só unha especulación porque "nin Ferreiro nin Sarela, nin sequera Ollo Choco, sabían nada de Ibrahim e Tareq, de Yusuf e Abdel, historia sobre historias degradadas... Nada sabían e, aínda así, aí está a constancia en pedra do seu paso por Compostela, por mediación e maxia da máis pura retranca: acción do cicel e a maza".

Por outra banda, en Pontedeume temos a magnífica talla barroca do Cristo de Ánimas que se aloxa todo o ano no retablo que lle dá nome na igrexa parroquial e que sae en procesión o día de Xoves Santo, que fora traída en tempos do arcebispo Rajoy e moi probablemente realizada por Xosé Ferreiro.

Si é segura a autoría do seu sogro Gambino, en 1771, tamén sendo arcebispo de Santiago Bartolomé Rajoy, do conxunto formado polo Nazareno coa cruz ás costas, acompañado por Simón de Cirene, o soldado romano e o xudeu da moca, que sae en procesión na noite de Xoves Santo e na madrugada do Venres Santo, no Encontro, nesta ocasión ao son da música do Paso, verdadeiro himno patrio dos eumeses.

Añadir nuevo comentario