Usted está aquí

Aquela noite de Lorca na Quintana

JoseFS

En 1932, Federico García Lorca visita Galicia e Santiago de Compostela e queda namorado da nosa terra e a súa capital. Os seus encantos foron a inspiración que o levou a facer, entre 1932 e 1935, seis poemas escritos na nosa lingua, coa axuda de Eugenio Montes, Serafín Ferro, Ernesto Pérez Guerra e Eduardo Blanco Amor, que foi o que os publicou e prologou en decembro de 1935.

A fermosísima e enorme lúa que esta pasada noite puidemos contemplar e que xa nos plasmara marabillosamente na súa secuencia de fotos Antonio Patiño o ano pasado, danzaba pimpante na Quintana como naquel poema, titulado "Danza da lúa en Santiago", que o gran Federico García Lorca nos regalou a todos os galegos na nosa lingua.

¡Fita aquel branco galán,
olla seu transido corpo!
É a lúa que baila
na Quintana dos mortos. 

Fita seu corpo transido, 
negro de somas e lobos. 
Nai: A lúa está bailando
na Quintana dos mortos.

¿Quén fire potro de pedra
na mesma porta do sono?
¡É a lúa! ¡É a lúa
na Quintana dos mortos!

¿Quen fita meus grises vidros
cheos de nubens seus ollos?
É a lúa, é a lúa
na Quintana dos mortos.

Déixame morrer no leito
soñando con froles d'ouro.
Nai: A lúa está bailando 
na Quintana dos mortos.

¡Ai filla, co ar do céo
vólvome branca de pronto!
Non é o ar, é a triste lúa
na Quintana dos mortos.

¿Quén brúa co-este xemido
d'imenso boi melancónico?
Nai: É a lúa, é a lúa
na Quintana dos mortos.

¡Si, a lúa, a lúa
coronada de toxos,
que baila, e baila, e baila
na Quintana dos mortos!

Federico García Lorca: "Danza da lúa en Santiago", en Seis poemas galegos de Federico García Lorca, Editorial Nós, Santiago de Compostela, 1935. 

Añadir nuevo comentario